Contorna

Corcubión

A vila mariñeira de Corcubión é unha das mellor conservadas da costa coruñesa. Conxunto Histórico-Artístico dende 1985, sobresae pola súa traza medieval, co casarío agrupado ó longo da beiramar, o porto no medio e unha zona residencial moderna ó redor da praia de Quenxe.

Entre os seus monumentos cabe salientar a igrexa gótica de San Marcos (séc. XV), que no seu interior custodia a valiosa imaxe do titular, San Marcos da Cadeira, traída de Italia polos Condes de Altamira. Tamén podemos ver varios pazos urbanos brasoados e diferentes mostras de arquitectura popular (casas do pincho, con balconadas mariñeiras sobre ménsulas ou con patín, hórreos, cruceiros, fontes, etc). Un dos engados da vila é o seu conxunto de galerías de comezos do século XX, que xunto coas palmeiras e o miradoiro do recheo (azulexos sevillanos) aportan un aire entre burgués e colonial.

A fusión entre o mundo mariñeiro e agrario se percibe en que moitas das casas, como acontecía no Medievo, posúen na súa traseira xardíns e hortas (a súa pervivencia é un milagre na costa galega); entre os seus peches discorren varios paseos que permiten descubrir fermosas perspectivas sobre o casco antigo, o porto, Cee, o fondo da ría e mailo omnipresente Monte do Pindo. 

A carón da praia, no antigo peirao do carbón, existe un Museo Marítimo que pode ser visitado a diario.

Pola vila e mailo concello de Corcubión pasa a Prolongación Xacobea a Fisterra, cada ano percorrida por milleiros de peregrinos. O itinerario segue a antiga Rúa Real ata a praza da Constitución, e continúa polo Campo da Igrexa, rúa das Mercedes, Campo do Rollo e, xa por unha senda (Camiño da Fonte do Vilar), en ascenso ata a aldea de Vilar, o albergue de peregrinos de San Roque (área de lecer), xestionado polos Amigos do Camiño, e maila aldea de Amarela.

Un percorrido moi xeitoso, por unha estradiña local asfaltada, lévanos da praia de Quenxe (arrinca no cemiterio) ata o Castelo do Cardeal (1 km), que xunto con fronteiro do Príncipe (ámbolos dous do séc. XVIII), defendía esta ría, que acadou un alto valor estratéxico durante a Ilustración.

Máis aló, outros 2 km nos separan do cabo Cee, promontorio con faro dende o que admiramos o seo de Fisterra completo, co cabo Fisterra á banda de poñente, as illas Lobeiras e os illeus Carrumeiros no centro (un deles cun faro no medio do mar), e mailo rochoso e granítico monte do Pindo (621 m de altitude) á nacente. 

Este roteiro circular pódese completar regresando por Redonda (igrexa románica de San Pedro, séc. XII), o albergue de peregrinos e maila aldea do Vilar, seguindo en sentido inverso o camiño xacobeo. En total se terá completado un circuito de 6 km.

As principais celebracións da vila son as Festas do Carme (15 de xullo), a moi concorrida Feira Medieval (fin de semana de xullo seguinte ó do Carme), a Festa do Porco Celta (primeiro sábado de agosto), e mailas patronais de San Marcos (25 de abril) e da Virxe das Mercedes (24 de setembro).

No antigo cárcere do partido xudicial (séc. XIX), emprazado no porto, funciona todo o ano a Oficina Comarcal de Turismo.

Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información